O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Diocese de Mondoñedo-Ferrol, para actuar na Concatedral de San Xiao e na igrexa de nosa Señora das Dores, dous importantes bens patrimoniais da cidade de Ferrol incluídos no ámbito de protección do barrio da Magdalena. Trátase dun acordo dotado con preto de 800.000 € que suporá importantes melloras nestes dous elementos vencellados co Camiño de Santiago e coa celebración da Semana Santa ferrolá, declarada festa de interese turístico internacional. No caso de San Xiao, os traballos constitúen a primeira actuación neste templo do Plan Catedrais de Galicia, a folla de ruta posta en marcha co horizonte do Ano Santo 2027 para planificar as intervencións e os investimentos nas cinco catedrais, nas concatedrais de San Xiao de Ferrol e de Santa María de Vigo e na antiga catedral de San Mariño de Mondoñedo de Foz, inmobles, todos eles, de gran valor social e simbólico vencellados a rutas de peregrinación.