Tinto de Barrantes, de aquí á catalogación como viño comercial


O Tinto de Barrantes é un clásico na comarca do Salnés, en Pontevedra e na súa contorna; un viño elaborado coa variedade Folla Redonda, un híbrido que da lugar a viños frutais de moita capa que acompañan ben un fastuo cocido e outros contundentes condumios, e suaves ao mesmo tempo para o chiquiteo.

Este viño ten festa en Ribadumia, na súa capital municipal Barrantes, unha cita que acada a súa quincuaxésima edición, e que chega este fin de semana (días 2, 3 e 4 de xuño), agora denominada Festa do Tinto do Salnés e exaltación das variedades autóctonas. O pregón, o sábado a mediodía, correrá a cargo do actor galego Luis Zahera e todos os días verbenas amenizadas polo Combo Dominicano; Tango e La Fórmula; e Gran Parada e América.

Un municipio, o de Ribadumia, no corazón da comarca do Salnés que ademais é zona de grandes albariños, de horta privilexiada e recursos paisaxísticos variados, como a ruta da Pedra e a Auga, a carón do río Armenteira, salpicado de vellos muíños e pozas naturais entre frondosa vexetación.

No caso de Tinto Barrantes asunto importante é que comezou a tramitación para obter a catalogación de “viño comercial” e deixe de ser un apócrifo, algo que o alcalde de Ribadumia, David Castro, considera “fundamental para este noso viño, para Ribadumia e para toda a comarca, tanto economicamente como para visibilizar a localidade”.

A tramitación vai durar un tempo, pois precisa de informes que avalen a tración no seu consumo, informes científicos e informes sobre todo respaldo da administración, algo que está a acadar por primeira vez nestes intres. Será un xeito de regularizar esta produción e evitar fraudes con viños que nada teñen que ver co Folla Redonda ou Tinto Barrantes “que se venden como tal pero que non o son”, segundo o rexidor muicipal.

Hai antecedentes en países como Francia e Italia nos que se regularizou a produción de viños procedentes de variedades híbridas as cales, segundo precisa David Castro, teñen importantes beneficios para o medioambiente ao ser máis resistentes ás plagas e precisar polo tanto de menos tratamentos.