Sobresaínte para o primeiro Arde Lvcvs internacional

 

“Cumpríronse as expectativas. Tal e como estaba previsto este Arde Lvcvs – o primeiro co recoñecemento de Interese Turístico Internacional – foi non só un éxito de participación senón tamén de convivencia”.

Nestes termos a rexedora lucence, Lara Méndez, fixo onte unha valoración inicial das festas de recreación histórica da cidade, “que nunha nova edición volveron ser un éxito, a pesares das altas temperaturas que tivemos estes días e que, en determinados momentos da xornada, puideron rebaixar a presenza de público nas rúas”.

Segundo a alcaldesa “o XXII Arde Lvcvs remata deixándonos un gran sabor de boca tanto no que ten que ver coa animación e dinamización nas rúas como a consecuencia que isto ten a nivel de revulsivo económico xa que a ocupación hoteleira e hostaleira foi moi boa”, afirmou Méndez.