Por Silleda, de festa en festa, con Festur e Turexpo Galicia


O XII Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, e a IX Feira de Festas de Interese Turístico, Festur, celebraranse conxuntamente e de forma paralela á 45ª Abanca Semana Verde de Galicia do 8 ao 11 de xuño. A súa área expositiva contará con propostas tanto de España como de destinos internacionais, entre os que destacan os portugueses, pero entre os que tamén figuran empresas de lugares como Nepal.

Entre todas elas ocupan un lugar destacado as festas de interese turístico de Galicia, reunidas en Festur, unha cita que conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia e que mostrará 40 celebracións das catro provincias galegas. Estas, con recoñecemento de carácter internacional, nacional ou de Galicia, celébranse en 31 concellos, os cales participan na área expositiva de forma individual ou a través de agrupacións. Ademais, algunhas delas levan a cabo distintas actividades durante o certame, como degustacións e exhibicións, en función do seu carácter.

Nesta edición de Turexpo Galicia e Festur destacará a presenza da Axencia para o Desenvolvemento Turístico de Ucraína (SATD) a través de dous representantes do concello de Kiev, Krasiuk Sofiia, especialista municipal en recursos humanos, e Kovalchuk Roman, xefa da división de actividades turísticas do Departamento de Turismo e Promoción.