Ourense aposta polo ciclismo de montaña coa terceira edición da "Xurés Bike Tour"

 

A Deputación de Ourense a través do Inorde organiza, co apoio de Turismo de Galicia, a terceira edición da "Xurés Bike Tour" para que novamente todos os afeccionados ao ciclismo de montaña poidan volver a gozar das paraxes naturais que ofrece esta zona do Xurés. O evento, que se celebrará os días 17 e 18 de xuño, reunirá a máis de 200 deportistas nunha proba competitiva en bicicleta de montaña en formato volta de dous días e dividida en tres etapas (dous tipo maratón e unha cronoescalada). A competición será de forma individual ou por parellas.

A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense en funcións, Manuel Baltar; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; a xerente do Inorde, Emma González; os alcaldes e alcaldesas en funcións de Muiños, Bande, Lobios, Plácido Álvarez, Sandra Quintas, Mª Carmen Yáñez, respectivamente; o concelleiro de Deportes e o técnico de Deportes da Cámara Municipal de Montalegre; Jorge Fidalgo e Nuno Rodrigues, respectivamente; en representación de Rodosa, Rafael Estévez; e o director técnico da proba, Serafín Martínez.