Os selos de calidade achéganse ás carnicerías tradicionais nun encontro dixital

 

A xornada “DOP e IXP no comercio retallista”, que contou coa participación do Consello Regulador, puxo en valor as carnes amparadas polos selos europeos de calidade diferenciada, nunha sesión online organizada por Cedecarne e Agrifood Comunicación e enmarcada no I Encontro Anual de Artesáns da Carne, que se celebrará en Madrid o 30 de setembro e o 1 de outubro. 

O director de Promoción do Consello Regulador, Luis Vázquez, interviu nunha mesa redonda xunto a directora técnica da IGP Cecina de León, Raquel Factor, o coordinador de campañas da IGP Ternasco de Aragón, Diego Franco, e o presidente da DOP Jamón de Teruel e Paleta de Teruel e da IGP Cerdo de Teruel, Ricardo Mosteo. 

Vázquez destacou a relevancia da certificación e do etiquetado da carne amparada polas figuras de calidade como único aval da súa orixe e das garantías que ofrecen estes alimentos, e que permite identificalos no mercado e distinguilos doutros produtos. Pola súa banda, Ricardo Mosteo destacou a importancia das sinerxías entre as IXP e DOP co comercio retallista para lograr diferenciarse e ofrecer unha atención personalizada; mentres que Diego Franco puxo en valor a confianza que transmiten as carnes certificadas e como esta cuestión achega aos carniceiros aos seus clientes. Ademais, Raquel Factor reivindicou máis medidas para evitar a fraude que prexudica aos selos de calidade.