Os comisionados dos corredores ferroviarios en España animan a ser máis belixerantes ao reclamar o tren de cercanías do Miño

 

O Foro de Mobilidade Transfronteiriza do Río Miño comezou onte en Tui poñendo sobre a mesa o debate sobre a necesidade e viabilidade da creación dun tren de proximidade transfronteirizo na zona do Miño. E fíxoo con boas expectativas, xa que os comisionados do Goberno do estado para o desenvolvemento dos corredores ferroviarios Atlántico e Mediterráneo subliñaron que é un “momento extraordinario” para reclamar “de maneira máis belixerante” o ‘cercanías’ xa que “hai vento a favor en Bruxelas”, posto que dende a UE quérense solucionar os treitos transfronteirizos e ademais unir os nodos urbanos de máis de 100.000 habitantes (Vigo-Porto).

A xornada do Foro comezou co saúda do director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, o director da Fundación CEER Ángel Miramontes e o acalde de Tui Enrique Cabaleiro. O nacionalista destacou na súa intervención que é moi necesario que os gobernos centrais en Madrid e Lisboa teñan unha visión global do territorio que supere a actual centralizada, para dar resposta á realidade social e económica do territorio miñoto, que é dinámica “e vai por diante dos deseños de infraestruturas políticas existentes".