Santiago converterase entre os días 29 de xuño e 14 de xullo na capital da música clásica da man do XIII Festival Peregrinos Musicales, que conta con grandes novidades. A principal será a celebración dunha xornada de música clásica a pé de rúa, que estará protagonizada polos 7 novos talentos internacionais galardoados no certame vencellado a esta cita.
A presentación do evento desenvolveuse onte pola mañá no Museo das Peregrinacións e contou coa presenza do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a concelleira de Cultura en funcións de Santiago, Mercedes Rosón; a súa homónima en Ames, Natividad González, e a directora artística desta cita, Ilona Timchenko. No acto, debulláronse as principais novidades do programa, que este ano renderá unha homenaxe ao recoñecido compositor e pianista contemporáneo Sergei Rachmaninoff polo 150 aniversario do seu nacemento.