O primeiro Arde Lucus con carácter internacional contará cun reforzo dos Corpos de seguridade en prol da protección cidadá


A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, copresidiron onte a Xunta Local de Seguridade do Arde Lucus na que se abordou o deseño dos dispositivos de vixilancia que se desenvolverán na capital entre o 22 e o 25 de xuño con motivo da celebración das festas de recreación histórica.

Durante a xuntanza, que tivo lugar no Salón de Plenos da Casa Consistorial, a rexedora puxo en valor a relación de cooperación permanente que manteñen Policía Local, Policía Nacional, Policía Autonómica, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros e Protección Civil. “Corpos que, unha vez máis, traballarán de xeito organizado para realizar un control efectivo sobre os espectáculos e actividades programadas”, afirmou.