O número de visitantes rexistrados no punto de información das Ruínas de Santo Domingo de Pontevedra pasa dos 1.343 de 2022 a 4.440
O informe de visitantes rexistrados durante este mes de maio por Turismo de Pontevedra pon de manifesto o acerto que a concelleira Yoya Blanco tivo ao ubicar a nova caseta na avenida de Montero Ríos, diante das Ruínas de Santo Domingo. Así, o punto de información turística, que abriu as súas portas como sede única de Visit Pontevedra a principios de maio, máis que triplicou neste primeiro mes de funcionamento o número de turistas en relación ao mesmo período de 2022, pasando de 1.343 visitantes a 4.440, é dicir, 3.097 máis que o ano pasado. Deles, un 30,25% (1.343) foron visitantes internacionais e un 69,75% (3.097) nacionais, fronte aos 444 e 899 de 2022, respectivamente.
Tal e como constata Yoya Blanco, “en base ao informe deste primeiro mes de entrada en funcionamento da caseta, que sen dúbida avala o éxito da decisión de emprazala en Montero Ríos, rexistrouse unha grande afluencia de peregrinos estranxeiros, especialmente alemáns, ingleses, franceses e arxentinos, así como dalgúns grupos procedentes de cruceiros atracados no Porto de Vigo, e dentro do turismo nacional, de visitantes de Madrid, Castela e León, Castela A Mancha e Andalucía, moitos deles en grupos e excursións organizadas”.