O Museo de Pontevedra segue a asinar boas cifras constatando un crecemento sostido no tempo e mellorando con moito os datos prepandemia. No pasado mes de maio o número de visitantes subiu un 50% con respecto ao mesmo mes do 2022, pasando de 10.260 visitas a recibir 15.361 neste exercicio. Os datos acumulados ascenden xa ás 48.710 persoas, dato máximo dende 2017, e que fai prever superar de novo os límites previos tanto no verán como a finais de ano.
Dende o departamento que realiza as comparativas de visitantes no Museo subliñan que as conseguidas en maio son “unhas cifras moi boas comparadas con anos anteriores”, xa que ademais do positivo número de visitas individuais (que aumentou un 43% na procedencia dende o estranxeiro) tamén melloran o resto dos indicadores “favorablemente conformando un mes estatisticamente moi bo”.