O Concello inicia nestes días os traballos de posta a punto da praia fluvial do Lérez de cara ao verán
A Concellería de Desenvolvemento Sostible de Pontevedra iniciará nestes días unha serie de traballos destinados a poñer en óptimas condicións de uso de cara ao verán a praia fluvial do Lérez. As obras darán comezo coa achega duns 10,5 metros cúbicos de area por parte da empresa EC Casas, esencialmente para tapar as zonas nas que agroman a malla de protección e un tubo de desaugue, e proseguirán entre mediados e finais de xuño coa instalación dun balizamento perimetral de boias amarelas de 175 metros que sinalará a área permitida para o baño.
En paralelo, o departamento que dirixe o socialista Iván Puentes vén de contratar á firma Salvar, Formar y Socorrer SL para a prestación do servizo de socorrismo entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, tódolos días en horario de 13:00 a 20:30 horas. Segundo sinala Iván Puentes, “o areal urbano do Lérez estará vixiado dous socorristas de luns a venres entre as 16:30 e as 20:30 horas e con un o resto do tempo”.