O bus turístico empeza a rodar en Vigo



Vitrasa pon en marcha, un ano máis, o servizo de Bus Turístico durante este verán para que os visitantes poidan coñecer nun percorrido de aproximadamente 90 minutos os puntos máis representativos e emblemáticos de Vigo. Dende hoxe e ata o sábado 30 de setembro os visitantes poderán realizar unha viaxe singular polos recunchos máis característicos da cidade. Dende 2004, este servizo foi empregado por máis de 135.000 viaxeiros. En concreto, o ano pasado, subiron ao bus turístico 8.078 persoas. O Bus Turístico convértese nun plan idóneo para todo tipo de visitantes pero tamén nunha oportunidade para os cidadáns de Vigo de coñecer a súa cidade dende outra perspectiva e durante a que descubrir espazos que tal vez descoñecía.