O Arde Lucus recibe 100.000€ para a súa consolidación como Festa de Interese Internacional

 

A Deputación de Lugo triplica o importe da súa colaboración económica co Arde Lucus aportando máis de 100.000€ para contribuír a que a cidade de Lugo viaxe esta semana dous mil anos atrás nesta importante festa de recreación histórica. Unha implicación da institución provincial que vén a reforzar o impulso deste evento, que este ano se estrea como Festa de Interese Internacional entre os días 22 e 25 de xuño. 

A institución provincial asinou un convenio de colaboración co Concello de Lugo por un total de 118.000€, dos que a administración local achega 18.000€, co obxectivo de seguir impulsando esta festa. A Deputación de Lugo convértese así na principal institución colaboradora, tendo en conta que achega practicamente o 20% do orzamento do evento.

Entre as accións, inclúese a representación do circo romano que acolle a explanada do Pavillón Municipal, no que se implican as distintas asociacións da cidade. Trátase dunha das máis destacadas actividades do programa, na que, tanto a veciñanza, coma os visitantes poden desfrutar do espectáculo de pelexas de gladiadores e das carreiras de cuadrigas, reclamando a atención de centos de persoas que presencian esta vistosa representación.