Nova campaña da IXP Ternera Gallega nos puntos de venda

 

A Indicación Xeográfica Protexida desenvolveu nos últimos meses un novo plan promocional vinculado aos establecementos que comercializan a carne certificada en toda España, tanto os hipermercados das cadeas de distribución coma as carnicerías tradicionais, que suman actualmente 1.680 puntos de venda. O obxectivo é achegarse aos consumidores directamente no momento e no lugar da súa compra, xa sexa online coma tradicional, resaltando as cualidades e os valores detrás de Ternera Gallega.

A nivel estatal, a publicidade da IXP está presente en diferentes medios dixitais e offline da gran distribución, como son as súas webs de compra e os folletos comerciais. Tamén, nas súas newsletters, que chegan directamente aos seus clientes con insercións publicitarias sobre a carne certificada. No eido formativo, Ternera Gallega está a impartir varios seminarios sobre a denominación e a carne certificada para os profesionais e os consumidores das cadeas, tanto en Galicia coma en Madrid.

Ademais, a imaxe de campaña específica de Ternera Gallega Suprema -que pon en valor o traballo das ganderías con vacas nai e a moleza e calidade da carne procedente de animais alimentados con leite materno ata os 7 meses- seguirá presente en diferentes establecementos mediante material publicitario: carteis, displays ou stoppers.