Mouriscade, en Pontevedra, acolle en xullo a segunda escola de iniciación para futuros gandeiros


Finca Mouriscade da Deputación acollerá entre o 10 e o 14 de xullo a segunda edición da Escola de Iniciación de futuros/as gandeiros/as, organizada pola Federación Frisona Galega en colaboración co Clube de Xóvenes Gandeiros. Con esta iniciativa a institución provincial dá cumprimento ao último dos compromisos do Plan Estratéxico de Reactivación de Mouriscade en relación á visibilización da Finca e o traballo que desenvolve, abrindo as súas portas tanto á comunidade escolar como á cidadanía en xeral. A segunda Escola de Iniciación de futuros/as gandeiros/as vén de ser presentada nas instalacións de Mouriscade coa asistencia de Manuel Sandamil, presidente da federación; Fernando Suárez e Jesús Manteiga, presidentes de Africor na Coruña e Pontevedra; María Manteiga e Avelino Souto, do Clube de Xóvenes Gandeiros; Concepción López, xefa do servizo de Medio Ambiente da Deputación; Héctor Martínez e Sergio Sueiro, responsables de Laboratorio e Gandería da Finca Mouriscade, e Paula Fernández, responsable de Presidencia do centro.