Jabois, pregoeiro de luxo para a XXIV Feira do Viño de Valdeorras


A XXIV Feira do Viño de Valdeorras terá un pregoeiro de luxo. O xornalista e escritor Manuel Jabois, nado en Sanxenxo en 1978, será o encargado de dar o puntapé inicial co que arrinque oficialmente o escaparate vitivinícola máis sobranceiro dos viños da comarca, un foro que se celebrará os vindeiros 8 e 9 de xullo no recinto feiral de Viloira (no Concello do Barco).

O pregón de Jabois está axendado para a mañá do sábado 8, inmediatamente antes do acto institucional de apertura da feira. “A súa talentosa prosa, plasmada en numerosas columnas e artigos de opinión e en máis de media ducia de obras, entre as que se inclúen varias novelas, e a súa aguda e escéptica mirada da actualidade foron dúas das razóns determinantes para a escolla de Manuel Jabois como pregoeiro desta edición da feira do viño”, destaca o presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez.