Galicia, lista para celebrar por todo o alto San Xoán

 

Milleiros de fogatas encherán esta noite o territorio galego, nunha celebración tan popular coma a Festa de San Xoán, onde as sardiñas e o pan de millo son a cea por excelencia.  

O Concello da Coruña, un dos que conta cunha longa tradición na celebración desta festa, tamén está listo xa para a noite máxica. A alcaldesa, Inés Rey, chamou a unha festa "con sentidiño" e lembrou as diferentes recomendacións emitidas polo concello en materia medio ambiental e de seguridade cidadá para o correcto desenvolvemento da festividade.

"O San Xoán é unha das nosas festas máis tradicionais e como todos os anos pedimos que se celebre con sentidiño, facendo caso ás recomendacións de seguridade e medioambientais" sinalou a alcaldesa. Lembrou que nos areais de Orzán e Riazor, Matadoiro, San Amaro e Oza se levará a cabo o reparto de madeira a partir das 19.00 horas, que se poderá baixar logo da apertura das praias ás 19.30 horas. "Repartiranse 120 toneladas de madeira así que pedimos que non se traia madeira allea á que reparte o Concello por cuestións de seguridade, xa que poden traer cravos ou outros elementos prohibidos para a queima" pregou a alcaldesa.