Cinco empresas presentan a súa candidatura para a execución da primeira fase do Mercado de Abastos de Sanxenxo

 

O Concello recibiu cinco ofertas para a execución da primeira fase do mercado de Sanxenxo que está previsto que dea comezo no próximo mes de setembro tras o verán. As empresas que se presentaron son Construcións Castro Figueiro, Oreco Balgon, Prace, Servizos e Obras, a UTE Citania-Vilor e a UTE Ogmios Proxecto - CRC Obras y Servicios. A actuación inclúe o soterramento do tráfico dun tramo da Rúa de Madrid cun aparcadoiro con 32 estacionamentos e unha gran praza. O goberno galego financiará as intervencións achegando 1 millón de euros e o Concello licita, executa os traballos e achega o investimento restante, algo máis de 1,3 millóns.

O obxectivo do acordo é a humanización da contorna da praza de abastos mediante o soterramento do tráfico na Rúa de Madrid e ata a súa intersección coa estrada autonómica PO-308, que une Pontevedra coa Lanzada. O Concello convocou un concurso de ideas para a execución dunha intervención integral na que se inclúe o novo edificio do mercado e dependencias municipais. A proposta gañadora, Os luns ao sol, ademais da dotación dese novo equipamento municipal, ofrece solución aos problemas de circulación na zona, evitando a conxestión de tráfico e a inseguridade.