As Visitas Teatralizadas da Provincia de Ourense promoverán 25 puntos de alto interese turístico de xullo a novembro
Esta iniciativa percorrerá 25 puntos de interese turístico de 25 concellos diferentes da provincia, nunha andaina enfocada aos ourensáns e turistas que comezará o sábado 1 de xullo no Mosteiro de San Pedro de Rocas e que se pechará o sábado 11 de novembro no Pazo de Vilamarín. Cada visita teatralizada terá de 30 a 50 prazas e nelas os integrantes de Platea Lúa caracterizaranse segundo o espazo e a época, en lugares como o Castelo de Ribadavia, o Couto Mixto, o Castelo de Monterrei, a Torre da Pena ou o Pazo de Trasalba.
A deputada en funcións Patricia Torres presentou as visitas esta mañá na sala de prensa do Pazo Provincial acompañada polo presidente de Platea Lúa, Jose Ramón Novoa. Patricia Torres resaltou as repercusións deste proxecto, enmarcándoo na potencia "patrimonial, cultural e paisaxística" da provincia: "Son 25 visitas teatralizadas pero poderían ser 200 ou 300, tendo en conta a riqueza que atesoura Ourense".