Adxudicada a redacción do proxecto que levará a luz ao mosteiro de Carboeiro, en Silleda

 

A Deputación vén de dar un novo paso nas obras que permitirán levar a luz eléctrica á contorna do Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, ademais de garantir un itinerario a pé en óptimas condicións de seguridade desde o centro urbano da vila grazas á dotación de cunetas transitables a modo de sendas peonís. A institución provincial vén de adxudicar a redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-6502 Silleda-Castro-Merza e na EP-6505 de acceso ao Mosteiro de Carboeiro, que suporá unha inxección de preto de medio millón de euros cos que se transformarán máis de 2,3 quilómetros destas dúas vías para adaptalas ao modelo provincial de infraestruturas baseado na seguridade, a amabilidade e a sostibilidade.

As obras nestas dúas infraestruturas provinciais permitirán instalar a tubaxe necesaria para poder canalizar a liña de media tensión coa que se poderá dotar de luz o mosteiro. A corrente captarase da liña que atravesa a parroquia de Carboeiro, no lugar de Carboeiriño, e discorrerá soterrada ata chegar á conexión xa existente. Ata agora, cada vez que o concello precisaba iluminar o recinto víase obrigado a contratar xeradores de gasóleo para poñer en funcionamento todas as luminarias, unha solución anacrónica e pouco sostible que ademais supoñía xerar contaminación sonora nunha contorna de alto valor natural. Ademais, esta actuación tamén redundará na mellora das condicións do persoal que traballa en Carboeiro, como o da oficina de Turismo Rías Baixas, que poderá ter un sistema de calefacción. Ademais, tamén abre a posibilidade a organizar outro tipo de actividades, como visitas nocturnas, que implican unha maior capacidade de atracción dentro da oferta cultural e turística da comarca de Deza e da provincia de Pontevedra.