A Xunta sube un 10% a colaboración con 14 concellos para facer fronte á inflación nos comedores escolares

 

A Xunta incrementa nun 10% a achega aos concellos que xestionan comedores escolares para facer fronte á inflación. O Consello da Xunta autorizou hoxe a renovación dos acordos con 14 concellos que se fan cargo deste servizo, incluíndo unha suba de orzamento, na liña do incremento realizado tamén nos comedores xestionados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. O investimento para estes 14 convenios supera os 1,1M€. En concreto, renóvanse os acordos cos concellos de Ames, Barreiros, Betanzos, Cangas, Ferrol, Lugo, Meaño, Mugardos, Muíños, Sada e Sarria para os cursos 2023/24 e 2024/25. A maiores, actualízanse os importes dos acordos cos concellos de Manzaneda, Oroso e Vilalba, que estaban vixentes, pero aos que se lles aplica o mesmo incremento que para os restantes concellos.