A viña entra nun período de máxima sensibilidade



A viña entra nun período de máxima sensibilidade ao oídio, tal e como advirte a Estación Fitopatolóxica Areeiro no seu último aviso fitosanitario, polo que o centro dependente da Deputación de Pontevedra recomenda extremar a vixilancia. Tamén aconsella, nas zonas sur da provincia, aplicar un produto rexistrado para o control do cicadelido vector da flavescencia dourada xa que, debido ao incremento previsto das temperaturas, acelerarase o ciclo do insecto. Amais, comeza a incrementarse o número de plantas que manifestan a sintomatoloxía propia das enfermidades da madeira e, en canto ao mildio e black rot, Areeiro recomenda manterse moi alerta.

Na revisión realizada a semana pasada por persoal técnico do centro dependente da Deputación tense atopado unha maior presenza de acios con oídio en todas as comarcas da provincia. Por estes motivos cómpre extremar a vixilancia, tendo en conta amais o período no que se atopa a viña, de máxima sensibilidade, e o incremento previsto das temperaturas e ausencia de choivas, condicións que favorecen as infeccións. Areeiro recomenda realizar labores culturais que faciliten a ventilación da viña e favorezan a exposición dos acios á radiación ultravioleta.