O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o convenio co Concello de Silleda para a mellora da camiñabilidade da Vía da Prata no barrio da Casela, en Bandeira (Silleda), grazas a un investimento de 206.371 euros ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística no Destino Deza e Tabeirós-Terra de Montes “Os Camiños por Dentro”. O obxectivo é mellorar a seguridade tanto na Vía da Prata como nesta contorna pola que ao longo do ano 2022, segundo a Oficina do Peregrino, pasaron 10.652 persoas. A zona na que se actuará comprende 150 metros, que van desde a N-525 á EP-6511, un tramo que ten escasa visibilidade e que, como demostran os datos, está moi frecuentado tanto pola veciñanza da zona como por numerosos peregrinos e peregrinas.
O proxecto, financiado integramente con fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España, consiste na creación dunha senda peonil para un tránsito máis seguro, na reposición de luminarias, na mellora da recollida de pluviais e na instalación dunha nova sinalización. Ademais, incluirá outras actuacións como a execución dun novo drenaxe ou a substitución do firme. Todas estas actuacións permitirán recuperar espazo público para as persoas.
O Plan de Sostibilidade Turística no Destino Deza e Tabeirós-Terra de Montes ten como obxectivo promover a transformación nestas comarcas e orientalas cara a un modelo ecoturístico que xere experiencias memorables para as e os viaxeiros, a través dunha estratexia de turismo intelixente e sostible. Cun orzamento total de máis de 2 millóns de euros de fondos europeos, supón un investimento de máis de 600.000 euros no concello de Silleda. Neste municipio realízanse actuacións como esta intervención na Vía da Prata ou a museografía dixital do Mosteiro de Carboeiro.