A Deputación de Pontevedra abre o prazo para participar nos workshops de turismo que organiza en Alacante e Barcelona
A Deputación de Pontevedra abre o prazo de solicitude para participar nos workshops de turismo que se celebrarán en outubro de 2023. Barcelona e Alacante serán as cidades que acollerán esta iniciativa que a institución provincial leva organizando e colaboración co sector do turismo dende hai dous anos e que ten percorrido xa cidades como Valencia, Madrid, Bilbao e Sevilla. Estas actividades de promoción turística están abertas ata un máximo de 25 empresas de aloxamento, intermediación e turismo activo, así como adegas e, en xeral, entidades do sector que terán ata o 21 de xullo para inscribirse en www.workshopsriasbaixas.com. As empresas participantes terán a oportunidade de reunirse con máis dun centenar de axentes emisores tanto na cidade valenciana como na catalá, aos que poderán dar a coñecer os servizos que prestan na provincia e a ampla oferta turística do destino.
Está previsto que o primeiro dos workshops teña lugar o 18 de outubro en Alacante e continúe o segundo o 19 en Barcelona. Cada unha das xornadas ten unha estrutura de funcionamento similar, coas reunións de networking profesional entre empresas emisoras de ámbalas dúas cidades, previamente convocadas pola Deputación de Pontevedra, e as entidades da provincia integradas por axencias maioristas de receptivo, hoteis e outros tipos de aloxamento, así como unha variedade de empresas que ofrecen servizos complementarios como adegas, empresas de chárter náutico ou de turismo activo para ofrecer unha visión ampla e diversa do que Rías Baixas pode ofrecer como destino turístico. A continuación celébrase unha presentación do destino na que, baixo a marca Rías Baixas e Orixe, amosaranse os atractivos turísticos da provincia baixo o concepto de sostibilidade. O broche de ouro da actividade será a posta en valor da enogastronomía como vector esencial para visitar Rías Baixas, a través dunha degustación con produtos típicos da provincia.