A Deputación de Lugo destaca o papel do sector lácteo para reforzar o nexo entre provedores e industria


O deputado en funcións de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este xoves na inauguración das III Xornadas sobre Ingredientes e Aditivos na Industria Alimentaria e Láctea que se celebran onte e hoxe no auditorio da Facultade de Veterinaria. Na cita, pensada para reforzar o nexo entre provedores e industria, Fernández Rico destacou o papel do sector lácteo, que aporta á provincia “emprego de calidade e equilibrio territorial”.

“A Deputación de Lugo ten entre as súas prioridades a colaboración co tecido produtivo, de maneira moi sinalada co noso sector primario. Un sector no que a industria láctea e os seus derivados alimentarios ocupan un lugar fundamental”, apuntou o deputado no acto inaugural, no que participaron tamén o delegado do Reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luís Otero, e a xefa territorial da Consellería de Medio Rural, Olga Iglesias, entre outras autoridades.

Fernández Rico asegurou que “falar do sector lácteo en Lugo é falar de tradición e de innovación. É falar das raíces que nos definen e das posibilidades de futuro que se abren ante nós, de emprego de calidade e de equilibrio territorial; porque un sector lácteo innovador ofrece oportunidades de emprego aos mozos e mozas que desexan desenvolver seu proxecto vital no rural”.