A Coruña celebra este sábado en Abegondo a feira “Primavera no Camiño Inglés”

 

Abegondo, acollerá este sábado, 10 de xuño, a sexta edición da feira "Primavera no Camiño Inglés", que que volverá reunir os dezaoito concellos polos que discorre este itinerario xacobeo nun gran evento organizado pola Deputación da Coruña co obxectivo de promocionar os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

Unha gran carpa situada no entorno do encoro de Beche acollerá os dezaoito postos nos que os concellos polos que pasa o Camiño Inglés (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago) darán a coñecer a súa variada oferta turística con diferentes actividades que incluirán actuacións musicais, mostras de artesanía tradicional, showcooking en vivo e degustación de distintos produtos típicos coma a tortilla de Betanzos, o pan de Neda ou as troitas de Oroso, ofrecendo aos visitantes un completo percorrido gastronómico polos sabores máis característicos do Camiño.