Un total de 180 persoas participa esta semana no programa lucense Coñece a túa provincia

 

Integrantes de 8 colectivos da provincia participan esta semana no programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. En total, dende hoxe e ata o venres, preto de 180 persoas dos concellos de Sarria, Taboada, Lugo, Baleira, Foz e Riotorto visitarán o patrimonio natural e cultural das comarcas da Mariña, a Ribeira Sacra, a Montaña e a Terra Chá. A iniciativa, que vai pola súa terceira edición, é gratuíta e está destinada a colectivos sen ánimo de lucro co obxectivo de fomentar o turismo de proximidade. 

O estudantado do colexio da Asunción, de Sarria, e a Asociación de Mulleres Rurais Landra, de Taboada, foron as primeiras entidades en viaxar esta semana. Os sarriaos fixeron hoxe a primeira parada na Granxa Gayoso Castro, onde coñeceron o traballo da institución provincial neste centro de apoio ao sector gandeiro, mentres que os de Taboada achegáronse ao Pazo de San Marcos. Posteriormente, ambas entidades coñeceron os concellos do Vicedo, Viveiro e Ourol.