Un cento de persoas asistiron á xornada de divulgación e degustación na Lonxa da Coruña para fomentar o produto de proximidade

 

A Lonxa da Coruña, no peirao de Linares Rivas, acolleu este domingo unha nova xornada de divulgación e degustación de produtos promovida polo Concello e a Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS), unha iniciativa executada ao abeiro da posta en marcha do selo de orixe 'Peixe da Lonxa da Coruña', que distingue aos peixes e mariscos que chegan ao porto da cidade.

Co obxectivo de apoiar o produto de proximidade, o Concello e a FREMSS traballan de forma conxunta na promoción e divulgación do selo 'Peixe da Lonxa da Coruña', para incorporalo nas diferentes etapas de selección e distribución dos peixes e mariscos que chegan á Lonxa. O convenio asinado entre ambas as partes dispón un orzamento de 40.000 euros, e está financiado na súa totalidade polo Concello.