Turismo de Santiago aposta pola internacionalización da cidade como destino de congresos

 

Turismo de Santiago, a través do Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), está participando estes días na IMEX Frankfurt, a feira profesional de turismo de reunións e incentivos, que se celebra do 23 ao 25 de maio. Trátase dun dos eventos especializados no sector de Congresos, Eventos, Xornadas e Incentivos máis importantes do mundo, con máis de 5.000 compradores profesionais e 3.500 expositores de máis de 90 países.


O obxectivo de Turismo de Santiago é continuar coa consolidación de Santiago como un destino de congresos internacional, capaz de captar non só congresos e xornadas de ámbitos español senón tamén de ámbitos de maior dimensión, co obxectivo de continuar evolucionando o modelo turístico de Santiago, dirixíndose a un segmento que aporta un alto valor engadido para a cidade, xa que o gasto medio dun participante nun congreso situouse nos 355 euros ao día en España o ano pasado, segundo os datos do Spain Convention Bureau.