Turismo de Santiago participou na Kofta, a feira turística máis importante de Corea do Sur, que se celebra en Seúl entre o 4 e 7 de maio. O principal obxectivo da entidade de promoción turística municipal é reactivar neste 2023 o mercado coreano, tremendamente golpeado polo Covid-19, como en xeral os mercados asiáticos, onde se aplicaron medidas moi restrictivas ás viaxes durante un periodo moi prolongado de tempo.
Antes da pandemia, Corea do Sur era o país cun crecemento máis intenso nos últimos vinte anos no número de peregrinos. No Ano Santo 2004 a presenza de peregrinos coreanos era anecdótica. Naquel ano houbo apenas 14 peregrinos procedentes do país asiático. Sen embargo, despois da publicación de diferentes libros sobre o Camiño de Santiago e a intensificación da promoción no país, o número de peregrinos foi crecendo ano tras ano ata alcanzar os 8.213 no 2019. Estas cifras víronse moi afectadas polo Covid-19. Así, no 2020 houbo 902 peregrinos de Corea, que baixaron ata 332 no 2021, e no 2022 comezou xa a reactivación, chegando a 4.132, a metade que no último ano pre-Covid.