Rotundo éxito do programa "Bosques terapéuticos", en Pontevedra

 

En dúas horas esgotáronse o luns as 120 prazas para as oito rutas do programa provincial “Bosques Terapéuticos” previstas para o vindeiro mes de xuño, que se desenvolverán por sete espazos naturais da provincia: a Carballeira de San Xusto (Cerdedo-Cotobade), a Fervenza do Toxa (Silleda), a Ruta da Pedra e da Auga (Meis), a contorna da Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro), o Lago de Castiñeiras (Vilaboa-Marín), o Río Eifonso (Vigo) e a Carballeira da Illa de Tambo (Poio). Precisamente, este último itinerario volveu ser o máis demandado e recibiu máis de 200 peticións, sendo o primeiro no que se pecharon as inscricións.

Os baños de bosque de xuño comezarán o día 3 de xuño pola Carballeira de San Xusto, ata onde se desprazarán tamén o día 18. O 4 de xuño o programa continuará na Fervenza da Toxa e o día 10 pola Ruta da Pedra e da Auga.  O domingo 11 recalará na contorna da Ponte Colgante do Lérez, o 17 no Lago Castiñeiras, o 24 no Río Eifonso e, finalmente, rematará a programación do mes de xuño o día 25 na carballeira da Illa de Tambo.