O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, foi o encargado de clausurar xunto ao Alcalde de Burela, Alfredo Llano García, a 19ª edición da Feira Monográfica Expomar que se celebrou esta semana no porto da vila mariñana. No acto, celebrado na Nave de Redes, tamén participou a Concelleira de Servizos Sociais e Mar, Carmela López Moreno, e o xerente de Expomar, José Manuel González.
Na súa intervención, José Tomé Roca reivindicou a feira náutico pesqueira como “referente absoluto no coñecemento e defensa do sector pesqueiro” e renovou o compromiso da Deputación coa fundación organizadora e coa celebración da cita, así como coa xente do mar e o sector pesqueiro, subliñando que a pesca representa para Burela, para a comarca da Mariña e para toda a provincia “unha riqueza económica moi importante, que se mide na súa aportación ao Produto Interior Bruto, pero tamén unha riqueza social e cultural cun valor incalculable porque forma parte dos nosos sinais de identidade”.