Os Consellos Reguladores de produtos agroalimentarios de calidade de Galicia reciben uns 530.000 euros
O Consello da Xunta autorizou as axudas para gastos de funcionamento dos consellos reguladores de indicacións xeográficas e denominacións de orixe protexidas que cada ano achega a Consellería do Medio Rural para contribuír ao seu traballo diario. Neste exercicio, o orzamento ascende aos 526.850 euros, que se distribuirán entre 25 entidades segundo criterios de repartición obxectivos. En particular, tivéronse en conta, como todos os anos, aspectos relacionados coa dispersión da área xeográfica da denominación, o peso dos ingresos propios respecto dos gastos totais e o peso dos custos de persoal fronte ao total. Así, estas 25 entidades recibirán entre 5.000 e algo máis de 30.500 euros cada unha para cubrir todo tipo de gastos de carácter corrente vinculados coa súa actividade e para facilitar o seu labor ao longo de todo o ano.