O Concello de Pontevedra lanza un plan integral de posta en valor do patrimonio monumental da cidade para achegalo a veciñanza e visitantes

 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil de Patrimonio histórico, Xaquín Moreda, presentou onte dous proxectos municipais dentro dun marco global de posta en valor e recoñecemento do patrimonio  monumental da cidade.

Partindo de movementos e decisións históricas como foi a compra de Santa Clara no eido do patrimonio arquitectónico, histórico e monumental; o Concello continúa avanzando na liña de divulgar, amosar e achegar a veciñanza e visitantes esta clase de patrimonio público. «Estamos a falar dun proxecto integral para poñer en valor toda a nosa riqueza monumental que debe ser máis coñecida pola cidadanía pontevedresa. Coido que este coñecemento eleva o orgullo de pertenza e a autoestima cidadá, ao tempo que é un recurso didáctico que complementa o modelo urbano para facer máis atractiva a cidade», explicou o rexedor.