Medio millón de euros en achegas para 30 cooperativas agrogandeiras e colectivos do mar de Pontevedra

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou en rolda de prensa da adxudicación das axudas provinciais ao sector primario, dotadas de medio millón de euros para sufragar investimentos. As achegas están divididas en dúas liñas, unha primeira cun importe de 250.000 euros e que recibirán un total de 10 cooperativas agrogandeiras dos concellos da Estrada, Forcarei, Lalín, Rodeiro e Meaño; e unha segunda, tamén dotada de 250.000 euros e que irán parar a 20 colectivos do sector pesqueiro de Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, O Grove, A Illa de Arousa, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Soutomaior, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova. Con eses recursos, sinalou Carmela Silva, “poderán ter instrumentos de dixitalización e tamén para modernizar todos aqueles elementos que lles permiten xestionar mellor as actividades que desenvolven”.

As axudas ás cooperativas agrogandeiras permiten financiar a adquisición de terreos para aumentar a base territorial das instalacións e axudas para investir en maquinaria agrícola, obras, construcións, equipos, instalacións, melloras en edificios e os seus accesos. E tamén a adquisición de equipamentos e sistemas informáticos, mobiliario e outros investimentos que sirvan para mellorar os servizos que prestan estas entidades.