Luz verde ao acordo do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística de vilas termais e núcleos históricos

 

O Consello da Xunta aprobou o acordo polo que se toma razón da aprobación do Plan territorial de sustentabilidade turística de vilas termais e núcleos históricos de Galicia, que conta cun orzamento de 23,23 M€ e que se desenvolverá no horizonte 2024-2026. O obxectivo principal é promover Galicia como destino termal e históricocultural de primeiro nivel, poñendo en marcha actuacións transformadoras en diferentes áreas da nosa comunidade. O plan impulsará o turismo termal e histórico-cultural en Galicia mediante a modernización das infraestruturas existentes, diversificando o sector para atraer novos segmentos de poboación, mellorando a comercialización e a promoción de novos produtos turísticos. Ademais promoverá a xestión sustentable e a potenciación do territorio termal e cultural galego como un espazo de desenvolvemento turístico competitivo cuxa proxección e comercialización alcancen o ámbito nacional e internacional.