Compromiso para a rehabilitación do balneario de Requeixo, en Ourense

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou na Sala de Xuntas do Pazo Provincial co alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, e co propietario de Augas de Villaza, Fuentes de Vida, José de Sousa Cintra, a renovación do convenio para  a cesión gratuíta das instalacións do balneario de Requeixo.

A renovación do convenio asinado en marzo de 2018, permite a Deputación -financiadora das obras- e ao Concello seguir executando o proxecto de mellora para a rehabilitación de Requeixo. Segundo sinala o propio acordo asinado na reunión -na que tamén estivo o arquitecto responsable do proxecto, Juan Francisco García-, o convenio realízase co obxectivo de "poñer en marcha un espazo biosaudable no contorno do balneario de Requeixo, lugar emblemático do municipio en xeral e de Vilaza en particular, coa promoción da auga mineromedicinal do seu manancial".