Expertos galegos e lusos falarán das potencialidades turísticas do circuíto da romanización no que Lugo é eixo central

 

Expertos de Galicia e Portugal falarán nunha mesa redonda hoxe, ás 20.00 horas, no Vello Cárcere, das potencialidades turísticas que se abren co Circuíto cultural da Romanización na Eurorexión Galicia-Norte de Portugal, circuíto que comezou a impulsar a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, como presidenta do Eixo Atlántico.

Neste circuíto, tal e como recollen os informes de especialistas como o arqueólogo Santiago Ferrer, Lugo é un punto de referencia e de partida así como o proxecto de recuperación do Cuartel de San Fernando como Museo da Romanización de Galicia e o Noroeste Peninsular: “A rehabilitación deste inmoble para convertelo en Centro de Interpretación e Museo, un proxecto amplamente demandado, é fundamental, xa que a cidade necesita dun centro de referencia sobre o mundo romano tanto dende o punto de vista cultural, económico como turístico”.