Catro anos para finiquitar a rehabilitación dos edificios centrais do Museo de Pontevedra e do convento de Santa Clara
As rehabilitacións dos edificios centrais e do convento de Santa Clara estarán listas en 2027, xusto a tempo para a celebración do centenario do Museo de Pontevedra. Así o confirmou hoxe o vicepresidente César Mosquera, quen deu conta dos avances das reformas de ambas construcións, que ao seu entender suporán unha “revolución absoluta” e un “cambio radical” na institución.
Mosquera subliñou que o Museo conta xa coa subvención de tres millóns de euros do PIREP para a rehabilitación dos edificios históricos, o que supón unha facilidade para impulsar a posta en marcha das obras, pero tamén esixe o cumprimento de prazo pechados: a mellora deberá estar lista a finais de 2026. “Non podemos demorarnos nos trámites porque non estamos moi sobrados”, dixo.