Carmen Uhía Martínez recibe a Raia de Ouro en Sanxenxo


Entre aplausos e ao son dos Gatiños de Portonovo entrou este mediodía Carmen Uhía Martínez na casa de Don Fernando para recibir a Raia de Ouro. Visiblemente emocionada partiu da lonxa portonovesa do brazo do alcalde, Telmo Martín, e coa comitiva formada por autoridades e familiares que a acompañaron ata a casa mariñeira onde decenas de veciños a esperaban para mostrarlle o seu cariño. O actor Hugo Andrade presentou o acto no que tirou de humor e de retranca para reivindicar o carácter "jato".

O alcalde foi o encargado de colocarlle a Raia de Ouro que a homenaxeada agradeceu a "todo o pobo de Portonovo e ao Concello porque sempre me levei ben coa xente e nunca fun orgullosa".