O Pleno da Conferencia Sectorial de Turismo aprobou onte o Plan territorial de Vilas Termais e Cascos Históricos de Galicia, impulsado pola Xunta de Galicia ao amparo dos Fondos Next Generation e que engloba dúas iniciativas deseñadas pola Deputación de Ourense: a transformación do Pazo Provincial no Gran Hotel Balneario Auria -que recibirá 5,5 millóns de euros- e o Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) "Ourense colle velocidade: vilas históricas e termais" -dotado con 1,5 millóns de euros-.
O apoio á iniciativa da Deputación que convertirá a súa actual sé nun hotel balneario está incluído na Acción de Cohesión en Destino (ACD) "Galicia Destino Termal", que conta cun importe total de 10.035.000 euros e que, ademais, tamén inclúe unha partida para mellorar as infraestruturas e a oferta termal galega (3,7 millóns) e a mellora da competitividade das empresas de turismo termal (700.000 euros).