Balance "MOI POSITIVO" da celebración do "Portonovo Gastronómico. Festa da Raia"

 

Tanto Concello como os locais de hostalaría teñen claro que a nova fórmula "Portonovo Gastronómico. Festa da Raia" funcionou e debe fixarse no calendario festivo do próximo ano. A concelleira de Cultura, Paz Lago, mantivo un encontro onte cos establecementos participantes para facer balance e valorar melloras de cara a próximas edicións. Concentrar a parte gastronómica nos locais e apostar pola animación na rúa resultou un "éxito" que leva a realizar un balance "moi positivo" da cita, segundo aseguraron os propietarios dos locais durante a reunión.

A combinación de actividade na rúa coas propostas gastronómicas dos locais atraeu durante a pasada fin de semana a Portonovo a máis de 6.000 persoas, datos calculados polos propios establecementos participantes en función das tapas e das mesas ocupadas, durante os dous días e medio de duración da cita gastronómica.