As Cidades Patrimonio formarán parte dos actos culturais da presidencia española da Unión Europea

 



As 15 Cidades Patrimonio da Humanidade serán protagonistas da programación cultural da presidencia española da Unión Europea, segundo explicou a presidenta da Comisión de Cultura do Grupo e alcaldesa de Segovia, Clara Martín: "a programación da Noite do Patrimonio nas 15 Cidades Patrimonio da Humanidade, que se celebra o próximo 16 de setembro, formará parte da axenda de actos da presidencia española da Unión Europea. Xa estamos a traballar na programación e, por tanto, as 15 cidades seremos un referente internacional da cultura do noso país, coincidindo ademais coa celebración do 30 aniversario do Grupo".

Na última reunión telemática da Comisión de Cultura desta lexislatura aprobouse o avance da programación da sexta edición da Noite do Patrimonio, que se desenvolverá de forma simultánea nas 15 Cidades Patrimonio da Humanidade e este ano tamén contará coa participación no evento das Cidades Patrimonio de México, Perú e Cuba. O programa incluirá o festival de danza contemporánea 'Escena Patrimonio', así como numerosas propostas lúdicas, artísticas e culturais enmarcadas nas seccións 'Abierto Patrimonio' e 'Vive Patrimonio', que se desenvolverán nos centros históricos das 15 cidades.