Arranca a IV edición da Festa do Banquete de Conxo con actividades dirixidas aos máis novos e os tradicionais Cantos de Taberna

 



As celebracións da IV edición da Festa do Banquete dan comezo hoxe coa representación teatral do Pequeno Banquete, no que participará o alumnado do CEIP Quiroga Palacios, e o concerto de Fillas de Cassandra, que gravarán un videoclip co alumando presente na carballeira de Conxo. Pola tarde terán lugar os obradoiros de baile tradicional e de Cantos de Taberna co posterior percorrido polos bares do barrio para interpretar as diferentes pezas. O día grande das festas será o domingo 14 de maio, cunha romaría popular aberta a todo o mundo na que se farán diversas recreacións teatrais do Banquete de Conxo e que estará amenizada por distintas actuacións musicais.

A xornada central da IV Festa do Banquete de Conxo será o domingo 14 de maio, que arrancará co desfile "Alá van estudantes e artesáns" que partirá da praza do Toural e percorrerá as rúas de Compostela, baixo a coordinación artística dos Quinquilláns ata chegar á praza de Conxo, onde Xosé Lois Mouriño Couto e Lucía Perez Lemos se encargarán da lectura do pregón. A continuación a comitiva dirixirase á carballeira de Conxo, na que se fará unha representación teatral do Banquete de Conxo para dar paso ao tradicional xantar e romaría popular cos brindes de veciños e veciñas.