A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que recomenda realizar unha nova intervención nas viñas contra o mildio. Tamén advirte da aparición dos primeiros síntomas de black rot, así como de enfermidades de madeira. Ademais, constata a presenza xeral de síntomas de erinose, así como caracois nalgúns predios, se ben o crecemento dos gromos fai que os signos da súas alimentación non sexan graves.
Segundo sinala, as precipitacións caídas na fin de semana e a principios da semana, as temperaturas nocturnas suaves e a elevada humidade relativa fan que as condicións sexan favorables ás infeccións por mildio, e en todas as viñas revisadas se aprecian manchas que non están ben controladas, independentemente do tempo transcorrido desde o tratamento anterior e o funxicida empregado.