Alianza provincial pontevedresa polo turismo deportivo sostible para captar novos fondos europeos

 



A próxima convocatoria do Plan de Recuperación do Goberno de España para o fomento do turismo deportivo sostible contará cun orzamento total de máis de 36 millóns de euros dos fondos europeos Next GenerationEU, unha convocatoria que servirá, entre outras actuacións, para a mellora das instalacións deportivas municipais. A Deputación de Pontevedra convocou unha liña extraordinaria para a contratación de asistencias técnicas para optar a esta convocatoria do Consello Superior de Deportes á que se acolleron un total de 28 concellos da provincia.

A presidenta, Carmela Silva, avanzou hoxe que, como continuación a esa iniciativa e “consciente de que hai que facer enormes esforzos para que eses recursos cheguen aos concellos”, a Deputación vén de poñer en marcha a Alianza polo Turismo Deportivo Sostible, que servirá para reforzar as candidaturas dos concellos na vindeira convocatoria para o fomento do turismo deportivo do Consello Superior de Deportes, xa que os municipios que se integren na nova rede provincial recibirán maior puntuación. Desta maneira, a Alianza servirá de panca para beneficiar aos concellos que queiran captar novos recursos europeos do Plan de Recuperación, establecendo obxectivos comúns no desenvolvemento do turismo deportivo e liderando a súa transformación cara un modelo de xestión intelixente, dixital e sostible. “Estamos ao lado dos concellos e apostamos por un turismo deportivo sostible, ámbito no que a nosa provincia ten unha enorme potencialidade”, asegurou Carmela Silva. “Vivimos nun paraíso onde se pode practicar todo tipo de deportes, engadiu a presidenta, e está claro que ter instalacións  de alto nivel fará que aquí poidan celebrarse eventos e grandes competicións”.