140 integrantes de seis asociacións participan esta semana no programa lucense Coñece a túa provincia

 

Preto de 140 integrantes de seis asociacións participan esta semana no programa Coñece a túa provincia, a terceira edición dunha iniciativa de viaxes gratuítas organizada pola Deputación de Lugo. O xoves e o venres, veciñanza de Antas de Ulla, Meira, Guntín, A Fonsagrada, Begonte e Portomarín visitarán o patrimonio natural e cultural das comarcas da Mariña e a Ribeira Sacra. 

A Asociación de Amas de Casa Dorra-Senande, de Antas de Ulla, e a Asociación Cultural Airiños do Miño, de Meira, son as primeiras entidades en viaxar esta semana. O colectivo ulloán fixo a primeira parada no Pazo de San Marcos e despois puxo rumbo ao concello de Cervo, onde visitou a Fábrica de Sargadelos ou a vila de San Cibrao. Os de Meira visitaron o Centro de Interpretación Terras do Miño para, posteriormente, desprazarse a Taboada e Chantada, onde descubriron o patrimonio románico.