Trala óptima acollida da edición celebrada en novembro de 2021, cun clamoroso éxito de público (unhas 15.000 persoas) e máis de 10.000 tapas vendidas, o proxecto Pontevedra Capital Gastro regresa entre os días 27 de abril e 1 de maio cunha das súas iniciativas culinarias máis orixinais e senlleiras: o II Festival Gastronómico Mestizaxes, nado co obxectivo esencial de poñer en valor as cociñas de fóra que se practican na cidade e que enriquecen a nosa inxente oferta de sabores. O evento, que se desenvolverá nunha carpa instalada na Praza de España, convidaranos así a viaxar polo mundo sen saír de Pontevedra, aglutinando propostas culinarias de culturas tan diversas como Hawai (Mahalo Poke), Colombia (Lulo Gastrobar), Corea (La Culpa de la Gula), Venezuela (Arepas Gastrobar), Estados Unidos (Xhuao), China (El Cafetín), Xapón (Kenzo), México (La Catrina) e Brasil (La Croquetería El Crack).
Tódolos participantes foron convidados pola Concellería de Promoción Económica e a Deputación co requisito de seren establecementos hostaleiros da cidade que practiquen total ou parcialmente a cociña do país que defenderán.