Un total de 14 proxectos optan a deseñar o novo mercado de Santa Lucía da Coruña

 

Un total de 14 proxectos optan a redactar o proxecto de reforma e remodelación do mercado de Santa Lucía, no barrio da Falperra. A instalación, que conta con 3 millóns de euros para rehabilitar a parte municipal, funcionará como centro cívico, centro de saúde e tamén mercado, para o que se reservan 400 metros cadrados no inmoble.

As bases administrativas do concurso de ideas para rehabilitar o mercado de Santa Lucía aprobáronse o 15 de febreiro en Xunta de Goberno Local, coa posterior apertura dun prazo de 45 días naturais para que as persoas concursantes fixesen entrega das súas respectivas propostas, prazo que rematou o día 3 de abril. Tras esta fase, validouse a documentación presentada por un total de 14 participantes.

As bases deste concurso de ideas establecen a redacción completa do proxecto básico e de execución para a rehabilitación do edificio, incluíndo o estudo de seguridade e saúde, así como o de xestión de residuos e das certificacións enerxéticas precisas para que a instalación siga os estándares marcados pola normativa da UE.